viernes, 21 de noviembre de 2008

Plantación de outono

Seguindo co noso afán de protexer e coidar o medio ambiente, realizamos, dentro das actividades programadas pola AMA do colexio, unha plantación de landras, que recollimos no parque de A Fraga, para seguir aumentando a nosa provisión de especies arbóreas autóctonas, e logo plantalas na nosa Aula de Natureza do Bañal, cando teñan medrado dabondo. Como podedes ver levamos a cabo esta actividade con moito entusiasmo e interese.

Dentro desta labor formativa tamén faremos unha plantación de bulbos dentro da aula, en briks, que previamente decoraremos na clase de plástica. Desde aquí queremos animarvos a todos/as a que fagades un esforzo á hora de adquirir hábitos saudables e ecolóxicos, tanto no tratamento do lixo, reciclando a maior cantidade de refugallos posible, como no respecto pola natureza. Nós estamos dispostos a seguir traballando neste eido para acadar un mundo mellor e con futuro.

viernes, 7 de noviembre de 2008

O magosto no Monte Caxado

O venres, día 7 de novembro, coma todos os anos celebramos o magosto en compañía dos/das nenos/as de E. Infantil e E. Primaria. Comemos as castañas coas que nos agasallou a ANPA do cole. Sentimos que non estiveran hoxe con nós nin Manuel nin Alba, que estan enfermos, dende aquí desexámoslles unha pronta recuperación.


E despois participamos no desenvolvemento de varios xogos populares, no patio. Organizados por Pablo o profe de E. Física, participamos primeiro nunha carreira de sacos por relevos, onde a pesares dos tropezóns, rematamos todos enteiros.



Ao rematar a carreira de sacos, xogamos unha disputadísima partida de brilé, nenos contra nenas, na que os lances do xogo foron a mar de divertidos.

Unha vez rematada tan disputada competición de brilé, fomos comprobar o noso nivel de forza na proba de tiro de corda, na que o pasamos de marabilla.


Na seguinte estación agardábanos Pablo co paracaídas, nesta proba puxemos de manifesto a nosa habilidade, ademais tivemos ata tempo de contar algún chiste.


Para rematar unha mañá tan festiva, probamos a nosa pericia subidos nos zancos, habilidade que, como podedes ver aínda é claramente mellorable, pero a boas intencións e esforzo non nos gaña ninguén.

Ben unha vez rematada esta sesión de cultura popular na que mesturamos tanto o aspecto culinario coma o lúdico, damos por finalizada a celebración do Magosto deste ano no Monte Caxado.

jueves, 30 de octubre de 2008

Nós tamén celebramos o Samaín

Como é tradicional por estas datas, tentamos manter viva a tradición, que se remonta a tempos nos que Galiza estaba habitada polas tribus celtas, como é o Samaín, que coincide hoxendía coa festividade dos defuntos. Nós tomando como referente a cultura popular, aportamos o noso gran de area tallando as cabazas a xeito de caveiras, tal e como facían os nosos antergos. Para mostra delo aí tedes probas do interese co que participamos vaciando as cabazas e facéndolles os ollos, o nariz e mais a boca. Esta festa está emparentada moi de preto co Halloween, daí a relación que poderedes ver na seguinte montaxe fotográfica.

lunes, 27 de octubre de 2008

Practicamos deporte en plena natureza

O pasado día 22 de outubro os/as nenos/as de 3º participamos nunha proba de campo a través, organizada dentro da Campaña de Deporte en Idade escolar, xunto cos nosos/as compañeiros/as de 4º, 5º e 6º. Nesta xornada convivimos con nenos/as dos colexios Santa María e a Fraga. Ao remate tomamos un refrixerio. Foi unha xornada moi divertida e saudable, que estamos dispostos a repetir.

martes, 7 de octubre de 2008

Os/as nenos/as de 3º


Estes que vedes aquí son os causantes da miña nova experiencia no mundo dos blogues, como vedes están exultantes de ánimo e forza para facer que esta nova aventura vaia adiante con gran pulo, espero non defraudalos.

miércoles, 1 de octubre de 2008

Saúdo

Ola, este blog nace con moita ilusión e moita vontade. Este curso empezo cun novo grupo de nenos/as que me dan un novo pulo para meterme nestes fregados. Espero que disculpedes as meteduras de pata deste novato nesta singladura.