viernes, 21 de noviembre de 2008

Plantación de outono

Seguindo co noso afán de protexer e coidar o medio ambiente, realizamos, dentro das actividades programadas pola AMA do colexio, unha plantación de landras, que recollimos no parque de A Fraga, para seguir aumentando a nosa provisión de especies arbóreas autóctonas, e logo plantalas na nosa Aula de Natureza do Bañal, cando teñan medrado dabondo. Como podedes ver levamos a cabo esta actividade con moito entusiasmo e interese.

Dentro desta labor formativa tamén faremos unha plantación de bulbos dentro da aula, en briks, que previamente decoraremos na clase de plástica. Desde aquí queremos animarvos a todos/as a que fagades un esforzo á hora de adquirir hábitos saudables e ecolóxicos, tanto no tratamento do lixo, reciclando a maior cantidade de refugallos posible, como no respecto pola natureza. Nós estamos dispostos a seguir traballando neste eido para acadar un mundo mellor e con futuro.

viernes, 7 de noviembre de 2008

O magosto no Monte Caxado

O venres, día 7 de novembro, coma todos os anos celebramos o magosto en compañía dos/das nenos/as de E. Infantil e E. Primaria. Comemos as castañas coas que nos agasallou a ANPA do cole. Sentimos que non estiveran hoxe con nós nin Manuel nin Alba, que estan enfermos, dende aquí desexámoslles unha pronta recuperación.


E despois participamos no desenvolvemento de varios xogos populares, no patio. Organizados por Pablo o profe de E. Física, participamos primeiro nunha carreira de sacos por relevos, onde a pesares dos tropezóns, rematamos todos enteiros.



Ao rematar a carreira de sacos, xogamos unha disputadísima partida de brilé, nenos contra nenas, na que os lances do xogo foron a mar de divertidos.

Unha vez rematada tan disputada competición de brilé, fomos comprobar o noso nivel de forza na proba de tiro de corda, na que o pasamos de marabilla.


Na seguinte estación agardábanos Pablo co paracaídas, nesta proba puxemos de manifesto a nosa habilidade, ademais tivemos ata tempo de contar algún chiste.


Para rematar unha mañá tan festiva, probamos a nosa pericia subidos nos zancos, habilidade que, como podedes ver aínda é claramente mellorable, pero a boas intencións e esforzo non nos gaña ninguén.

Ben unha vez rematada esta sesión de cultura popular na que mesturamos tanto o aspecto culinario coma o lúdico, damos por finalizada a celebración do Magosto deste ano no Monte Caxado.